O concello de Rianxo demanda ó Sergas a cobertura da praza de pediatría

RIANXO> O executivo rianxeiro vén de mostrar unha vez máis o seu malestar co Sergas polo mal funcionamento do servizo de pediatría no centro de saúde da localidade. Dende o Concello piden a cobertura inmediata desta praza.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, trasladoulle ó Sergas o seu malestar pola non cobertura do servizo de pediatría no centro de saúde da localidade. Segundo el esta situación está a obrigar á veciñanza a ter que desprazarse a municipios limítrofes para unha atención que debera darse no Concello.

O rexedor sinalou ademais que esta situación non é nova, polo que que demanda unha resposta rápida por parte de Sanidade no caso de substitucións, ausencias ou mesmo vacacións dos profesionais que realizan esta función, e que a situación non supoña un novo recorte nos dereitos das familias do municipio.

Dende Rianxo en Común tamén denunciaron esta situación que se está a dar. Segundo eles dende a aplicación do Sergas non é posible pedir cita para pediatría en Rianxo ata o vindeiro día 4 de xaneiro, dando como solución, no lugar de mandar a outro profesional, o aprazamento das citas ou, no seu caso, derivar ós nenos ata o centro de saúde de Dodro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí