O Museo de Ribeira acolle ‘Bravura’, unha exposición sobre o Santa Isabel co gallo do seu centenario

RIBEIRA> Ribeira estreou esta fin de semana a exposición ‘Bravura’, coincidindo coa conmemoración do centenario do naufraxio do vapor Santa Isabel fronte ás costas de Sálvora. A mostra poderá visitarse no Museo Municipal.

A exposición inaugurada este pasado sábado, que pode visitarse nas salas do Museo Municipal, recolle o tráxico suceso do vapor vasco Santa Isabel fronte á illa de Sálvora,que tiña lugar un dous de xaneiro de 1921. Foi o maior desastre da navegación marítima de pasaxe do século XX en España. Morreron máis de duascentas persoas, entre pasaxe e tripulación, destacando por riba de todo o comportamento humano de solidariedade dos veciños de Ribeira que colaboraron no operativo de rescate, o que lle serviu para recibir destacados recoñecementos oficiais, como o tributado ás coñecidas como as ‘Heroínas de Sálvora’. Catro mulleres que centraron a atención mediática da época durante meses, mesmo a nivel internacional.

Na mostra poden verse diferentes tipos de obxectos orixinais do barco. Destaca tamén o apartado da mostra dedicado á emigración, no que se fai un repaso da emigración en Ribeira nos anos 20 e 30 a través do singular ‘Libro de Emigrantes’.

A exposición poderá visitarse durante todo o ano 2021 no museo municipal de Ribeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí