RIBEIRA> O concello de Ribeira acolleu unha reunión da Mesa Sectorial de Pesca para abordar o problema dos roubos en distintos portos do municipio. Ademais de solicitar máis vixilancia por parte de Portos para contar cunha quenda de noite, o goberno local comprometeuse a aumentar as frecuencias das patrullas da policía local na zona.
Aínda que non se trata dun problema novo posto que os roubos no porto de Ribeira véñense rexistrando dende hai anos, o incremento deste tipo de sucesos nas últimas semanas levou ó concello a buscar medidas para minimizar o seu impacto na economía dos mariñeiros.
Ademais de solicitar o aumento do número de vixilantes a Portos de Galicia, de xeito que se poida contar tamén con gardas nocturnas, o concello está en disposición de incrementar a frecuencia das patrullas da policía local na zona portuaria.
Así mesmo, estudarán a adopción doutras medidas como a instalación de cámaras de videovixilancia para identificar a persoas alleas ó porto que accedan ás instalacións, exercendo así un efecto disuasorio.