13 marcas participarán na Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira

RIBEIRA> Máis dun cento de vehículos de 13 marcas participarán na Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico que se celebrará en Ribeira do 12 ó 14 de xuño. Nesta sétima edición a cita, que este ano incorpora tamén un espazo formativo, consolídase como un referente a nivel autonómico.

A praza de España de Ribeira volverá converterse nun expositor das últimas novidades do automóbil híbrido e eléctrico. Un espazo que xa comeza a quedarse pequeno dado o interese que suscitas esta feira. Nesta sétima edición, que se desenvolverá entre o 12 e o 14 de xuño, foron varias as marcas que tiveron que quedar fóra ante a alta demanda de participación.

Serán máis dun cento de coches, de 13 marcas procedentes de dez concesionarios de toda a provincia, entre as que destacarán as últimas novidades do sector.

Haberá ademais un stand reservado para dar a coñecer a oferta formativa do Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso que ademais da formación neste ámbito que xa ofrece dentro dos seus ciclos duais incorporará este ano un grao de especialización.

Dende o concello, que colabora na organización da feira xunto con outras administracións, agradeceron o gran labor que realiza a asociación de empresarios coa organización desta e outras feiras e actividades que contribúen á dinamización económica do municipio.

Ademais do expositores e exhibicións haberá tamén un espazo gastronómico con food trucks a cargo do Grupo Chicolino.