O alcalde de Poio sobre o anuncio de deixar aberto pero sen médico o consultorio de Raxó: ‘Non nos vale’

POIO> O consultorio de Raxó, en Poio, manterá a atención asistencial. Un día despois de anuncia-lo seu peche nas primeiras semanas de xullo, o Sergas muda de criterio ante o rexeitamento da veciñanza da localidade. Agora apunta a que manterá o servizo de enfermería e o persoal de servizos xerais. O alcalde di que esta solución non lles vale.

A polémica estaba servida en Poio polo anuncio do Sergas de que o consultorio de Raxó ía pechar durante quince días nas primeiras semanas de xullo, por falta de persoal. O rexeitamento a esta medida, co concello á cabeza, levou hoxe a Sanidade a emitir un novo comunicado no que apuntaba que o ambulatorio non vai pechar. Iso si, tampouco vai ter médicos. O que se mantén será o servizo de enfermería e o persoal de servizos xerais. Unha medida que o Concello considera insuficiente.

O Concello convocou para o vindeiro martes a Mesa da Sanidade de Poio para aborda-la situación de Raxó, así como a falta de persoal nos outros dous ambulatorios. O alcalde non entende como en pleno verán, co incremento de poboación, o Sergas tome medidas como a anunciada onte.

Ademais de enviar un escrito de resposta ao Sergas reclamando a presenza de facultaltivos en Raxó, o alcalde avanza que non se descarta a convocatoria dunha mobilización reclamando unha sanidade pública de calidade no municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí