Arranca a campaña de vacinación entre o persoal sanitario

BARBANZA> A Consellería de Sanidade continúa cos cribados na área sanitaria Santiago-Barbanza na procura de frear os contaxios. Nun dos últimos realizados, a unhas 4.500 persoas, todas elas persoal da industria alimentaria, detectáronse dez novos positivos que eran asintomáticos. Trátase dunha cifra similar ó do anterior cribado desenvolvido entre os traballadoras das empresas alimentarias da zona a mediados de decembro no que se diagnosticaran once casos.

Ademais na xornada de hoxe iniciouse a campaña de vacinación ós profesionais da área sanitaria, citándoos a través dun SMS coa hora e o lugar de vacinación xeoreferenciado. Nesta primeira fase, que se desenvolverá ata o venres, Sanidade prevé administrar a primeira dose ó redor de 3.300 profesionais, priorizando ós profesionais daquelas unidades máis expostas a atender pacientes Covid.

Citarase a todo o persoal de atención primaria das cabeceiras de servizos, onde se sitúan os PAC, e ós traballadores que estean en primeira liña de atención a doentes tanto no hospital clínico como no do Barbanza. Serán dez os equipos de enfermería encargados de administrar a vacina.

Tamén coñecíamos nas últimas horas, o falecemento de dous usuarios da residencia de maiores de Ribeira que foran trasladados hai uns días para o seu tratamento ó Centro Galego de Desenvolvemento Integral, Cedagi. Tiñan 69 e 87 anos respectivamente. Os dous recibiran xa a primeira dose da vacina.