The Cuncas promove unha iniciativa solidaria contra a covid

RIBEIRA> O grupo musical The Cuncas prepara catro festivais solidarios contra a covid. As galas desenvolveranse nos catro concellos da Barbanza. A primeira delas será na Pobra o sábado 30 de xaneiro. Iso si, a súa celebración dependerá en boa medida da evolución da pandemia e as restricións impostas polas autoridades sanitarias nesas datas.

Xurdidos en pleno confinamento, The Cuncas decidiu embarcarse nesta iniciativa solidaria que busca recadar fondos contra a covid a través da celebración de catro galas, unha por cada un dos concellos da Barbanza. Serán o 30 de xaneiro na Pobra, o 31 en Ribeira, o 5 de febreiro Boiro, e o 6 de febreiro en Rianxo. Ademais deles, actuarán grupos e entidades de cada un dos municipios.

Coa axuda de varias comercios e empresas da comarca que doaron produtos e servizos realizaranse tamén catro sorteos. Para participar neles haberá que realizar previamente unha doazón de cinco euros. Tódolos fondos que obteñan irán destinados integramente á conta habilitada pola Xunta de Galicia para a loita contra a covid.

Aínda así e debido ó aumento das restricións na comarca, todo estará supeditado a evolución da pandemia nesas datas, polo que as galas poderían suspenderse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí