Ferido grave un motorista en Xarás

RIBEIRA> O accidente, no que se viron involucrados unha motocicleta tipo scotter e un turismo, tiña lugar nas inmediacións do polígono de Xarás. O accidente tiña lugar este mediodía, ó redor das dúas ,na rotonda de Xarás, nas inmediacións do polígono industrial. Por causas polo de agora descoñecidas producíase unha colisión entre un vehículo e unha motocicleta tipo scooter. O condutor deste último vehículo, que si levaba casco, resultou ferido de gravidade, debido fundamentalmente ás contusións sufridas na colisión e posterior caída. Os primeiros medios de emerxencias en chegar á zona foron os efectivos do parque de bombeiros, ó atoparse as súas instalacións a escasos metros de onde se produciu o accidente. Eles foron os encargados de realizarlle os primeiros auxilios á vítima. Momentos máis tarde foron mobilizándose o resto de medios: Policía Nacional e Local, Grupo de Emerxencias Municipal e unha ambulancia do 061, que unha vez estabilizado trasladou ó ferido ata un centro hospitalario. A Garda Civil de Tráfico, que se achegou posteriormente ata o lugar, é a encargada agora de investigar as posibles causas do accidente.