A pandemia agudiza a crise social en Ribeira

RIBEIRA> Como cada ano, Cáritas Parroquial de Ribeira vén de realizar o balance anual da entidade, dando a coñecer o número de familias atendidas ó longo do ano. En total foron unhas 160 familias atendidas. As cifras evidencian un incremento importante en relación co anterior exercicio debido fundamentalmente á crise derivada da covid que está a afectar gravemente ós colectivos máis vulnerables.

A campaña deste ano veuse ademais moi condicionada pola crise sanitaria derivada da covid. Durante este tempo a entidade tivo que facer fronte ás necesidades básicas de moitas familias, aumentando o número de axudas entregadas…pero sobre todo, polo empeoramento das situacións de precariedade, pobreza e exclusión social xa existentes antes da pandemia e que se viron agravadas tras ela.

Dende Cáritas destacan tamén a colaboración desinteresada de numerosas empresas e negocios da zona, así como tamén veciños en xeral, que coas súas aportacións, permitiron facer fronte ás necesidades alimenticias de moitas familias, a través do banco de alimentos.

Nos últimos anos o colectivo fixo tamén unha aposta importante pola formación, con proxectos como ‘Chanela’ dirixido a mulleres de etnia xitana ou a realización de diversos cursos para obter certificados de profesionalidade e programas de inserción sociolaboral.

Dende a entidade insisten na necesidade de seguir colaborando con eles, para así poder axudar e mellorar a calidade de vida das persoas en risco de exclusión e conseguir unha sociedade máis xusta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí