PONTEVEDRA> Os traballadores de Ence manifestáronse hoxe en Pontevedra contra un artigo da Lei do Cambio Climático. Unha norma que ameaza con pechar esta pasteira en 2033. A marcha arrancou na fábrica de Lourizán e rematou xunto á Subdelegación do Goberno.
Os traballadores de Ence volveron a saír hoxe a rúa para manifestar o seu rexeitamento ante a Lei do Cambio Climático. Unha norma que, de saír adiante, limitaría ata os 75 anos a duración das concesións no dominio público marítimo terrestre. De facerse realidade, a pasteira de Lourizán debería pechar as súas portas no ano 2033.
A marcha desta mañá arrancou na fábrica de Lourizán e rematou xunto á Subdelegación do Goberno e nela participaron case medio millar de persoas. Esta é a primeira das numerosas manifestacións que os traballadores de Ence teñen programadas para os vindeiros meses.
A Lei do Cambio Climático está actualmente en tramitación pero podería ser aprobada no segundo trimestre do ano. Os operarios volverán a saír a rúa o vindeiro venres. Nesa ocasión, a marcha rematará xunto á Deputación de Pontevedra.