Veciños dunha aldea de Moraña séntense abandonados: ‘Imos pedir asilo a Barro’

MORAÑA> Os veciños da Bouza, en Moraña, aseguran sentirse abandonados polo concello. Din que levan anos reclamando melloras na zona, sen que ninguén atenda as súas peticións. Entre as demandas máis urxentes, salientan o saneamento da aldea ou o asfaltado dos camiños. Algún veciño, mesmo tivo que cubri-las fochancas el mesmo con cemento.

Moi preto do límite con Barro, atópase esta aldea morañesa da Bouza. Os veciños que viven aquí hai tempo que lle reclaman ó concello unha serie de melloras que, polo de agora, non tiveron resposta. A máis urxente, din os veciños, é o saneamento. A día de hoxe seguen empregando os seus antigos pozos negros, ante a falta dun servizo mellor.

O saneamento non é a única eiva que detectan os veciños. Reclaman tamén o asfaltado de camiños como este. Algún veciño mesmo se puxo mans á obra, tapando as fochancas das pistas con cemento.

Quéixanse tamén da falta de conservación das vías e cunetas, que fai que os camiños se enchoupen cada vez que chove.

Agora din estar fartos. Aseguran sentirse abandonados por parte do concello de Moraña. E resígnanse a bromear con pedi-lo cambio de Concello.

Nesta aldea da Bouza, situada na parroquia de Rebón, viven uns 20 veciños.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí