POIO> O Concello de Poio contará neste 2021 con Orzamento de 13 millóns de euros, un 2,4% máis que no ano 2020. O documento inclúe uns investimentos de case 600.000 euros e unha partida para Servizos Sociais que rolda os 1,2 millóns de euros.
13 millóns de euros, ese é o Orzamento co que contará o Concello de Poio neste 2021. Unha cantidade que supón un aumento do 2,4 % con respecto ao ano anterior.
O Concello de Poio volve a apostar un ano máis pola conxelación de taxas e impostos. Por outra banda, o goberno local destina ao apartado de investimentos case 600.000 euros, o que se traduce nun incremento do 14% en relación ao ano 2020. Ademais, neste documento inclúese tamén unha inversión de 140.000 euros para a redacción de proxectos que se pretenden levar a cabo a través de fondos europeos e estatais.
Como non podía ser doutro xeito, estes presupostos están marcados pola crise da Covid. Por iso, o Concello de Poio destinará 1,2 millóns de euros para o departamento de Servizos Sociais.
Segundo informou o concelleiro de Facenda, os Orzamentos contarán con varias partidas abertas, ás que se irán engadindo as conseguintes subvencións e achegas que se vaian recibindo ao longo de todo o exercicio.