A Deputación financiará o 100% dun proxecto de mellora da imaxe e da mobilidade en Combarro

POIO> O concello de Poio recibirá máis de 720.000 euros da Deputación de Pontevedra para mellorar a imaxe e a mobilidade na parroquia de Combarro. A achega permitirá financiar o 100% do proxecto, que se desenvolverá entre os núcleos de Casalvito e O Padrón. Da contía total, 180.000 euros proceden do +Provincia. Os fondos restantes, case 550.000 proveñen dunha achega enmarcada no Plan Extra asinada esta mañá.

A Deputación de Pontevedra financiará o 100% do proxecto de mellora da mobilidade que o concello de Poio quere levar adiante en Combarro. A actuación está orzamentada en 720.000 euros. Dos cales 183.000 proceden do +Provincia e os 545.000 restantes, do Plan Extra.

En concreto, o proxecto busca a mellora da conexión entre os núcleos de Casalvito e Pereiro co de Combarro. Realizarase unha actuación integral que contempla a renovación dos servizos básicos e a conexión con diferentes puntos de interese da contorna, como a Praia do Padrón, Pedaporta ou a senda peonil proxectada na PO308.

Así mesmo, proxéctase unha pavimentación nova en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas, limitando o tráfico rodado e creando unha zona de prioridade peonil.

Ademais desta colaboración, o concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,88 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.