O Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos supera os 300 millóns de euros

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos. Este está valorado en máis de 300 millóns de euros e nel inclúense unha decena de programas e mais de medio centenar de accións. Os principais retos son a dixitalización, a transición verde e a cohesión territorial.

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos. Un plan no que se inclúen 10 programas con 54 accións pensadas no horizonte 2021-2026. En total, máis de 300 millóns de euros que se distribuirán entre as diferentes áreas. As principais, a axenda urbana, con máis de 75 millóns de euros, e a cohesión territorial, con 60 millóns.

Outro dos programas que destaca dentro deste Plan Estratéxico é o de dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais da provincia. Aquí destinaranse máis de 46 millóns de euros.

A Deputación de Pontevedra destinará tamén 20 millóns de euros á economía circular, 16 millóns ao programa de turismo intelixente e sostible e 15 millóns para transición verde. Outros dos puntos deste Plan estratéxico teñen que ver co emprendemento e formación laboral, coa reacción cultural, cos coidados e inclusión social e coa administración eficiente e innovadora. En todos estes programas aplicarase a perspectiva de xénero e a igualdade de xeito transversal.

O Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos será presentado o vindeiro luns a todos os concellos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí