Política Social implantará en Ribeira un Punto de Encontro Familiar

RIBEIRA> Tras implantase nas sete cidades galegas, a Consellería de Política Social habilitará en Ribeira un Punto de Encontro Familiar. O concello vén de informar favorablemente as obras que o departamento autonómico vai acometer nun local municipal situado no lugar de Fontán.

Trátase dun espazo diáfano de 134 metros cadrados que disporá de tres salas de intercambio, unha oficina para administración, despacho, zona de accesos e dous aseos.

Os obxectivos deste servizo son favorecer o cumprimento do réxime de visitas no caso de separación dos proxenitores procurando un entorno seguro para os menores ó tempo que se facilita orientación profesional para mellorar as relacións paterno-filiais e as habilidades de crianza.

Tamén se ofrecerá información e se derivará ós servizos especializados as vítimas de violencia de xénero e permitirá ós servizos sociais dispoñer de información fidedigna sobre as aptitudes parentais para defender os dereitos dos menos.

As obras de acondicionamento ascenderán a 150 mil euros e teñen un prazo de execución de catro meses. O local, de titularidade municipal, foi cedido á Consellería de Política Social por un prazo de 30 anos.

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí