Tan só un positivo detectado no cribado ó comercio de Ribeira

    RIBEIRA> A pesar de sumar tres novos positivos, a evolución en Ribeira segue a ser boa tras varias xornadas por baixo dos cen casos activos. No cribado ó sector do comercio, realizado esta fin de semana no Hospital do Barbanza, tan só se detectou un positivo entre os máis de 800 participantes.

    Ampla participación dos comerciantes de Ribeira no cribado desenvolvido esta fin de semana entre os traballadores do sector. Estaban citados para realizar a PCR un total de 840 dependentes dos que case o 95 por cento acudiu á chamada. De entre todos, tan só se detectou un positivo, un dato moi esperanzador para o concello que espera iniciar canto antes a baixada de casos para saír do nivel de risco máximo.

    Outra das boas novas que nos deixa esta xornada na área sanitaria é o inicio da administración da segunda dose da vacina ós profesionais sanitarios e non sanitarios tanto dos hospitais como dos centros de atención primaria das cabeceiras de servizo onde se sitúan os PAC.

    Rafael Alonso, médico do servizo de Nefroloxía do Hospital Clínico de Santiago, foi un dos primeiros en completar o proceso de inmunización. Anima a toda a cidadanía a seguir o seu exemplo e non dubidar ante a efectividade da vacina, posto que é a única solución para superar a pandemia.

    Nesta segunda fase, serán dez os equipos de enfermería encargados de administrar a vacina nos distintos puntos de referencia. Os profesionais están a ser citados a través de sms coa hora e lugar de vacinación, seguindo os criterios de priorización acordados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí