MORAÑA> En Moraña, arrancaron as obras de construción da senda peonil entre O Souto e Silvoso, unha zona moi transitada dada a súa proximidade co núcleo urbano. A actuación permitirá unir dous puntos nos que xa hai beirarrúas.
A obra afecta a un pequeno treito da estrada PO-226, entre O Souto e Silvoso, pero fundamental para conseguir un obxectivo: unir dous treitos nos que xa había beirarrúas. A zona é moi transitada polos peóns, pola súa proximidade ao núcleo de Moraña.
A senda estase a construír na marxe esquerda da estrada. Terá un ancho de 1,8 metros e será de formigón coloreado. A obra completarase coa instalación dunha tubaxe para a canalización do drenaxe e doutra para o alumeado, de cara a que, posteriormente, o concello poida instalar farois sen afectar á senda.
O proxecto conta cun orzamento que rolda os 50.000 euros.