PONTEVEDRA> Tras coñecer a sentenza que a absolve de todos os delitos, Luisa Piñeiro compareceu esta mesma tarde ante os medios de comunicación. Para a que fora alcaldesa de Moraña, a sentenza na que o xulgado do penal número 3 de Pontevedra a condenara, foi feita á lixeira. Incluso cualifica de ‘disparate’ que se lle considerara culpable dun delito de prevaricación.
Como xa fixera hai un ano, a exalcaldesa apunta que o seu papel na causa do campo de fútbol de Moraña foi, unicamente, solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para afrontar esta obra.
Coa sentenza absolutoria xa na man, aínda que cabe recurso, Luisa Piñeiro recordou o día no que tras ser condenada presentou a súa dimisión como delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Sobre o seu futuro, Piñeiro explica que eeste ano estivo dedicada ao seu labor profesional no sector privado. Non desbota volver á política activa e ten claro que se reincorporará de xeito inmediato ao Partido Popular.
No Parador de Pontevedra, Luisa Piñeiro foi recibida cun ramo de flores por varias compañeiras do Partido Popular. Entre elas, a exalcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña e a rexedora de Mos, Nidia Arévalo. Piñeiro adiantou tamén que esta fin de semana convocará aos veciños no campo de fútbol do Buelo para dar conta das obras que deron lugar a este proceso xudicial.