RIBEIRA> Esta mañá saían á venda no Concello os tickets para asistir ó xantar de maiores, que terá lugar, na Fieiteira, o vindeiro domingo 23 de marzo.
O prezo da entrada fixouse nos 25 euros, prevéndose unha participación de máis de novecentas persoas.
O menú para ese día estará composto por cigalas, camarón, e unha laconada.
Coma novidade este ano, tamén se incluirán os percebes co fin de promocionar un dos produtos estrela do municipio.
Dende o Concello destacaron a importancia desta cita, que serve de homenaxe a tódolos maiores de Ribeira.
Ese día a xornada arrancará coa misa solemne, ás doce, na igrexa de Santa Uxía para posteriormente continuar a festa na Fieiteira co xantar e o baile.
Para desprazarse ata a comida o Concello ten programado habilitar un servizo de transporte con saída dende a estación de autobuses.











