Técnicos de Mar avaliarán o estado dos bancos afectados pola alta mortaldade

BARBANZA> A Consellería do Mar está a realizar un seguimento das zonas afectadas pola alta mortaldade do marisco, como Rianxo, que a pasada semana retiraba dos seus areais ameixa e berberecho arrastrada polos temporais. A administración xa ten convocada unha orde de axudas para a rexeneración dos bancos que, no caso de ser insuficiente, podería ver ampliado o seu crédito.

Tralos episodios de mortaldade de marisco vividos especialmente en Carril e Rianxo, os técnicos da Consellería do Mar desprazáronse ata as zonas afectadas para valorar a situación e estimar a cantidade de bivalvo que poderá ser recuperado.

A este respecto, Rosa Quintana informou de que xa está convocada a orde de axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros ás que se poden acoller a confrarías.

Por este motivo, a Xunta está a traballar nun proxecto coa implicación tanto dos pósitos como do Cluster de Acuicultura de Galicia para impulsar os minicriadoiros que permitan incrementar a produción dos bancos marisqueiros.