RIANXO> O PSOE de Rianxo insiste na denuncia na tardanza na execución das obras de abastecemento na Marquesa, na parroquia de Asados. Os socialistas recollen o malestar da veciñanza pola paralización dos traballos e o mal estado dos viais que atravesan este núcleo. Reclámanlle ó executivo local unha solución inmediata ó problema.
Os veciños da Marquesa levan máis de nove meses agardando polo remate das obras de instalación da rede abastecemento de auga. Os traballos supuxeron o levantamento dos viais para o soterramento das tubaxes, e dende aquela o firme aínda non foi mellorado, presentando a día de hoxe un estado de deterioro importante. O PSOE local faise eco de novo desta situación esixíndolle ó equipo de goberno unha solución urxente ó problema.
Para os socialistas o importante non é facer anuncios, como, segundo eles, acostuma a facer o equipo de goberno, senón cumprir cos compromisos adquiridos no seu día, dando solución ós problemas reais que demanda a veciñanza.











