SANXENXO> Malestar no Servizo de Emerxencias de Sanxenxo. Os traballadores critican a decisión do Concello de reducir os seus horarios para abaratar custos e así evitar tamén duplicidades cos bombeiros de Ribadumia. Algo que foi denunciado hoxe por CCOO e a CIG.
O Concello de Sanxenxo anunciaba esta semana a reorganización no seu Servizo Local de Emerxencias. Unha decisión que se producía co obxectivo de abaratar custos e que espertou o malestar dos traballadores e sindicatos.
A decisión de reorganizar o Servizo de Emerxencias implicaría unha redución nos horarios. O GES pasaría de cubrir as 24 horas do día a 16, a quenda de noite sería atendida polos bombeiros de Ribadumia. Algo que multiplicaría por 4 os tempos de resposta.
Os traballadores denuncian ademais unha diferenza de trato entre os turistas e os veciños, xa que durante o verán, o servizo nocturno manteríase.
A decisión do Concello non levaría aparellada unha redución no cadro de persoal, pero dos 18 traballadores actuais, 12 seguirían coas mesmas funcións e os outros 6 serían reorganizados noutras tarefas municipais. O que traería importantes consecuencias no Servizo de Emerxencias.
Os traballadores aseguran que esta decisión foi unilateral xa que non houbo diálogo cos representantes sindicais. Por iso piden ao alcalde de Sanxenxo que recapacite e que se sente a falar con eles. Ademais, os afectados solicitaron tamén unha reunión coa Xunta de Galicia e coa Deputación de Pontevedra.