A POBRA> A Pobra celebrará mañá unha das súas festas máis tradicionais. A romaría da Mercé congregará a centos de devotos ó redor da capela que celebra este ano o 25 aniversario da súa inauguración. Os actos estarán presididos polo arcebispo emérito de Madrid, Antonio Maria Rouco Varela.
Como cada 24 de setembro celebrarase na Pobra a Romaría da Nosa Señora da Mercé de Posmarcos. Este ano, os actos centrais dos festexos terán un significado aínda máis especial posto que se conmemora o 25 aniversario dende a construción da nova capela. Para a ocasión, contarán coa presenza do arcebispo emérito de Madrid.
Dende o concello agradeceron ó párroco de Posmarcos e ó seu equipo o esforzo por manter viva unha das festas con maior tradición do pobo que se celebraba xa dende tempos inmemoriais no antigo pazo, cando era propiedade da familia Valle-Inclán.
Ademais da misa cantada que terá lugar ás oito da tarde e a posterior procesión das candeas, haberá oficios relixiosos cada hora pola mañá e ás seis e sete da tarde. Tamén o domingo 27 terá lugar a mediodía unha misa solemne na honra da Virxe da Mercé.











