A hostalería, de novo na rúa ‘para non ter que volver pechar’

VILAGARCÍA> A partir da vindeira semana, Galicia comezará a abri-la hostalería. O sector ve a medida con bos ollos. Din que non son o problema e piden que non volvan obrigalos a baixa-la reixa. Os hostaleiros, por certo, quentan motores para as mobilizacións do vindeiro mércores que están previstas por toda Galicia. Vilagarcía será unha das localidades que vai saír á rúa para esixir un rescate urxente do sector.

A partir do vindeiro luns, logo da reunión do comité clínico, boa parte da hostalaría de Galicia poderá reabri-las súas portas. A evolución da pandemia é favorable, o que leva á Xunta a alivia-la presión sobre o sector, que aínda descoñece con que capacidades e horarios poderán volver ó traballo. Os hostaleiros ven a medida con bos ollos, pero advirten: cando se abra, que non se volva pechar.

O sector podería recupera-la súa actividade ó mesmo tempo que volve saír á rúa para esixir un rescate. O vindeiro mércores hai previstas mobilizacións en distintos puntos do país, entre eles, Vilagarcía.

Porque, polo de agora, non están a percibi-las axudas anunciadas pola Xunta. Advirten que o golpe ó sector está a ser letal e que as consecuencias aínda están por chegar.

Ademais, para tentar suaviza-la caída, os hostaleiros están en pleno proceso de creación da Plataforma Galega da Hostalería para que o sector, un dos máis afectados pola pandemia, teña unha voz forte que represente os seus intereses reais ante as administracións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí