A Pobra conmemora o Día de Rosalía cunha ofrenda floral e un concurso escolar

A POBRA> O concello da Pobra conmemorará o Día de Rosalía con diversas actividades. Ademais da homenaxe institucional que se celebrará o propio 24 de febreiro, o departamento de Cultura organiza un concurso para escolares titulado ‘As 7 Rosalías’.

A pesar das limitacións que establece a pandemia o concello da Pobra non renunciará a conmemorar o Día de Rosalía, co obxectivo de seguir a difundir a obra e o legado desta figura universal da literatura galega. Como en anos anteriores, o día 24 terá lugar a lectura dun manifesto e unha ofrenda floral na praza de Rosalía.

Paralelamente, durante toda a semana os escolares de primaria poderán participar no concurso ‘As sete Rosalías’. Terán que buscar entre os escaparates comercias da Pobra as sete ilustracións de Rosalía que contan con algunha diferenza respecto da versión orixinal.

Tódolos acertante entrará no sorteo de 25 lotes integrados por unha botella térmica e uns auriculares sen fíos que levarán impreso algún texto de Rosalía. Dende o concello agradeceron a colaboración do comercio local que colabora con esta iniciativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí