As familias denuncian a saturación da aula de 5 anos do colexio de Carril

VILAGARCÍA> Mobilización das familias do colexio Rosalía de Castro de Carril, en Vilagarcía. Desta volta, foron as nais e pais do alumnado de 6º de Infantil os que se concentraron ás portas do centro. Reclaman o desdobramento da aula. Actualmente son 24 pequenos de 5 anos, 6 deles con necesidades especiais.

As familias do alumnado de 6º de Infantil do colexio Rosalía de Castro de Carril mobilízanse para denunciar a saturación desta clase. Actualmente son 24 pequenos de 5 anos, seis deles con necesidades especiais.

A Xunta establece que en infantil o máximo é de 25 nenos por aula e un dez por cento con necesidades especiais. Polo que a situación actual xa estaría incumprindo as ratios.

Esta mañá concentráronse ás portas do centro para reclamar o desdobramento da aula. Denuncian que levan xa dous cursos sufrindo esta situación que afecta directamente aos seus fillos.

As familias denuncian que ata o de agora a Xunta non atendeu as súas reclamacións. Aseguran que por falta de medios económicos non poden realizar o desdobramento que están a esixir.

Coa concentración celebrada hoxe buscan da visibilidade, como medida de presión para que a Xunta cumpra as súas propias ratios.