RIBEIRA> Ribeira homenaxeará este ano ó colectivo de doutoras o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller. As propostas para eses día incluirán tamén un autocine, unha campaña en liña pola igualdade e un concurso de Tik-Tok.
A edil de Igualdade, Ana Ruiz, e a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras, foron as encargadas de presentar a programación deseñada este ano polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. Nesta ocasión decidiuse dedicarlle ese día a un dos colectivos profesionais máis implicados na loita contra a covid, como é o das médicas.
A programación incluirá tamén unha sesión de autocine o venres 12 de marzo na zona de aparcadoiro fronte ó CIFP Coroso na que se proxectará a película “María Solinha”. Tamén se realizará unha campaña en liña pola igualdade e farase tamén un concurso de TikTok. As persoas que queiran participar terán que gravar un vídeo nesta rede social coa temática da igualdade de xénero e etiquetar o vídeo no perfil @cimribeira.