A rotura dunha tubaxe da rede de saneamento obriga a interromper o servizo entre Palmeira e Ribeira

RIBEIRA> O concello de Ribeira traballa para reparar unha tubaxe da rede xeral de saneamento que resultou danado pola forza do mar durante o temporal. Ademais de interromper o servizo entre Palmeira e Ribeira notificaron a incidencia a Costas para buscar unha solución conxunta.

A forte ondada provocada polo temporal durante esta fin de semana acabou por romper a tubaxe da rede xeral de saneamento que discorre polo río Grande de Coroso en Ribeira. Os responsables do executivo municipal desprazáronse ata a zona para buscar, xunto cos técnicos de Viaqua, a mellor solución para o arranxo da tubaxe.

Por precaución, procederon a acordoar a zona posto que existe risco de derrube do terreo, xa que a zona presenta gran erosión pola acción do mar.

Ademais de proceder a interromper o saneamento entre Palmeira e Ribeira para evitar vertidos, o concello notificou a incidencia á Demarcación de Costas do Estado. Ambas administracións traballan na busca dunha solución que permita recuperar o servizo minimizando os danos ambientais e ós bancos marisqueiros.