PONTEVEDRA> A Fundación Rías do Sur farase cargo da reapertura da piscina olímpica do complexo de Pontemuíños. Un auto xudicial permíteo como medida cautelar mentres continúa aberto o conflito entre a concesionaria e a fundación. Iso si, non será de xeito inmediato, desta volta por mor da seca. Dende a Fundación apuntan que pola situación de prealerta non se pode encher a piscina. Así que aproveitarán este tempo para realizar tarefas de mantemento.
O conflito entre a Fundación Rías do Sur e a empresa concesionaria das instalacións de Pontemuíños, Supera, continúa aberto. Pero un auto xudicial establece como medida cautelar a reapertura da súa piscina.
Pero a reapertura non será inmediata. Dende a Fundación explican que a situación de prealerta pola seca impide encher a piscina.
Así que ata que mellore a situación, a entidade realizará tarefas de posta a punto nas instalacións. Algo moi necesario tendo en conta, aseguran, o mal estado no que se atopan.
A Fundación agarda reabir a piscina complementaria de 25 metros a mediados de setembro. No caso da de 50, nun dos mellores escenarios, volvería estar operativa en outubro. Funcionarán con persoal propio e asumindo uns custos que durante o proceso xudicial poderán reclamar á concesionaria. Ademais traballan co concello de Pontevedard para deseñar fórmulas de colaboración.
As instalacións de Pontemuíños están pechadas dende o 1 de abril, cando Supera, de xeito unilateral, tomou a decisión atribuíndoa a uns custes enerxéticos que cualificou de inasumibles.