PONTEVEDRA> Na quinta xornada de cortes da PO-11, a avenida de Marín, por mor dos asolagamentos, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu un encontro entre as partes afectadas. Os concellos de Pontevedra e Marín, o Porto de Marín e a propia Subdelegación sentaron para coordinar a resposta e mellorar a informacións aos veciños para paliar o caos no tráfico provocado por estes cortes. Acordaron que os técnicos estudarán as vías alternativas, sobre todo para os vehículos pesados que se dirixen ao porto.
Incrementar a sinalización das vías alternativas, aumentar a presenza da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico e mellorar a comunicación aos cidadáns, son as tres medidas que se aplicarán cando os asolagamentos obriguen a cortar a PO-11 na avenida de Marín.
Os tres puntos foron acordados na reunión de hoxe na Subdelegación do Goberno. Asistiron os concellos de Pontevedra e Marín e as súas policías locais, o Porto, a Garda Civil de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Demarcación de Estradas. Agora serán os técnicos os que pechen as medidas concretas.
A conclusión da reunión contou co visto bo do concello de Pontevedra. Iso si, Eva Vilaverde defendeu que estas medidas teñen que ter carácter puntual.
Pola súa banda, a alcaldesa de Marín incidiu na importancia da información e de reforzar a presenza de efectivos, así como de ter unha resposta coordinada entre todos os implicados.
Neste cumio todas as partes coincidiron á hora de sinalar que manter a actividade normal do Porto de Marín debe ser unha prioridade. Segundo o presidente da Autoridade Portuaria, no momento no que se aplican os cortes da Avenida de Marín afectan a uns 140 camións.
A pesares da boa sintonía para atopar medidas que palíen os efectos dos cortes na PO-11, todas as partes insistiron en que o fundamental é reclamar ao Goberno central unha solución urxente e definitiva que evite o asolagamento desta vía clave.











