Pontevedra aposta polo “Feminismo para cambiar o mundo” neste 8M

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra prepárase para celebrar un 8M atípico. O goberno local presentou hoxe toda a programación para os vindeiros días. Entre os actos deste ano destaca a lectura do manifesto por parte da xornalista Susana Pedreira, así como tamén a creación dun graffiti na rúa Castelao.

“Feminismo para cambiar o mundo”. Ese é o lema elixido polo Concello de Pontevedra para celebrar o 8M. Nesta ocasión, o Día da Muller será moi distinto aos de anos anteriores e estará marcado sen dúbida pola evolución da pandemia. Así e todo, as rúas de Pontevedra volverán a encherse de demandas feministas que  loitan por romper o teito de cristal. A programación arrancará o venres 5 coa lectura dun manifesto por parte da xornalista Susana Pedreira e coa presentación dunha Campaña Gráfica Conmemorativa.

O Concello tamén despregará na Casa Consistorial unha lona con esta imaxe e, entre o 5 e o 6 de marzo, Pontevedra acollerá o foro “As mulleres que opinan son perigosas”. A programación continuará os días 10 e 17 cuns Faladoiros Literarios Feministas.

A programación do 8M completarase o día 11 coa creación dun grafitti, a cargo da artista Sax, na rúa Castelao. Por último, os centros educativos tamén terán un gran peso no Día da Muller coa celebración de diversos obradoiros. Ademais, o goberno local levará a cabo unha iniciativa nos comercios da cidade.

O que está aínda por confirmar é se este ano haberá concentracións na cidade polo 8M. Polo de agora, o Concello asegura que soamente se levarán a cabo se se poden garantir todas as medidas de seguridade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí