A alta ocupación da UCI de Montecelo mantén pechada a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

GALICIA> A área sanitaria Pontevedra e O Salnés continuará pechada. Así o decidiu o comité clínico trala reunión mantida onte para avaliar a situación. Segundo explicou o Conselleiro de Sanidade esta mañá, a evolución é positiva, pero a alta ocupación da UCI do Hospital Montecelo levounos a retrasar a apertura. Os expertos decidiron tamén elevar as restricións en Porto do Son. O concello pasa ao nivel 2, quedando illado do resto da súa contorna.

A piques de cumprirse unha semana dende o inicio da desescalada da terceira vaga da covid19, as autoridades sanitarias insisten en que a prudencia é o principal criterio que rexe as súas decisións.

No escenario actual, o comité clínico decidiu manter o peche da área sanitaria Pontevedra e O Salnés. A pesares de que as previsións son optimistas, os expertos decidiron prolongar o peche pola alta ocupación da UCI do Hospital Montecelo.

Tamén pesa a incidencia que se está a rexistrar en concellos da comarca do Salnés. A tendencia optimista rómpese en Cambados, con 37 casos activos, e Vilanova, con 39.

No caso da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, as restricións continuarán no nivel mínimo actual coa excepción de Porto do Son. A partires da medianoite do venres o concello pasará ao nivel 2, que suporá o peche do interior da hostalería e a limitación da mobilidade. Os sonenses poderán desprazarse a concellos que estean no seu mesmo nivel de restricións, pero o municipio queda illado do resto da súa contorna.

O conselleiro lamentou moitas das imaxes que se viron durante a fin de semana na reapertura das terrazas. Julio Comesaña advertiu de que a situación sanitaria non está relaxada, e confiou en que estes comportamentos se reconduzan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí