VILAGARCÍA> A Xunta anuncia a instalación do paso de peóns con semáforo na estrada de Sobrán, en Vilagarcía. A medida, demandada dende hai tempo polos veciños, non acaba de convencelos. Cren que é un parche que non soluciona os problemas de mobilidade na zona.
Se todo vai segundo o previsto, nos vindeiros meses os veciños de Sobrán e Sobradelo, en Vilagarcía, disporán aquí dun paso de peóns regulado por semáforos. Hoxe mesmo, os técnicos da Xunta e do Concello revisaban in situ a súa instalación.
A medida, malia que demandada polos residentes da zona, non acaba de convencer ós colectivos veciñais. Cren que se trata dun parche que non dá resposta ós problemas de mobilidade que hai neste punto.
Din estar molestos coa actitude do goberno local, por non ter creado unha mesa de traballo cos técnicos da Xunta para escoita-las súas demandas. Con todo, aínda non dan a batalla por perdida.
Ademais, denuncian que o executivo local está pasando por alto un acordo plenario unánime do mes de outubro no que se recollía a implantación de medidas de seguridade na parroquia de Sobradelo. Unha demanda centrada na instalación de sinais de tráfico.
A intalación do novo paso de peóns con semáforo, inclúe a ampliación das beirrarrúas da zona e a supresión de varias prazas de estacionamento para aumenta-la visibilidade. A actuación está valorada nuns 42.000 euros.