Barbanza tamén estivo presente na mobilización do sector hostaleiro en Santiago

BARBANZA> Unha ampla representación da hostalería do Barbanza e Muros-Noia desprazouse esta pasada fin de semana ata Santiago para participar na gran mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega. Os hostaleiros volveron a pedir ás administracións públicas un plan de rescate real.

Unha ampla representación da comarca, non só do sector da hostalería, senón tamén da distribución ou das axencias de viaxes, desprazáronse este pasado sábado ata Santiago para participar na gran mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega para esixir un plan de rescate real. A marcha, que coincidía co día no que se cumpría un ano dende a declaración da emerxencia sanitaria por parte da Xunta, percorreu diferentes rúas da cidade, para rematar na praza do obradoiro. Reclamaban a axilización das axudas que, en moitos casos, aínda non cobraron  e un Plan a medio prazo, que inclúa unha serie de reformas lexislativas concretas para a hostalería e aqueles sectores dependentes desta. Nese documento, a Plataforma solicita tamén unha compensación do 50% sobre a facturación media entre os anos 2016 e 2019, ademais da suspensión de taxas e impostos, unha rebaixa do IVE ó 4% e unha redución do 50% dos alugueiros.