MORAÑA> Primeira das mobilizacións dos traballadores de Vertifil, en Moraña, esixindo a readmisión de cinco compañeiros. A dirección da empresa anunciou o seu despido, por sorpresa, no medio das negociacións para a mellora do convenio colectivo.
Esa ‘medida cirúrxica’ pasa polo despedimento deses cinco empregados e o anuncio dun expediente de regulación temporal de emprego para todo o cadro de persoal. Ante o novo escenario, o comité de empresa tentou sen éxito paraliza-los despedimentos e que os cinco afectados se incluísen no ERTE.
A dirección da compañía, especializada na fabricación de tecidos, alega que a reestruturación do persoal e o ERTE débense ás consecuencias da pandemia. Un argumento que non convence ós traballadores.
Dende hoxe, os traballadores teñen en marcha un calendario de mobilizacións que podería rematar en folga.
Malia a situación dos cinco traballadores despedidos, as negociacións para o ERTE continúan segundo o previsto, coa primeira das xuntanzas este vindeiro mércores.