RIBEIRA> O executivo ribeirense adxudicou hoxe á empresa Xestión Ambiental de Contratas o proxecto de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética da casa consistorial por un importe de algo máis de 2’3 millóns de euros.
A actuación está incluída no Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos convocado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, procedentes de fondos europeos Next Generation.
A obra pretende mellorar a eficiencia enerxética do edificio mediante a construción dunha galería de vidro perimetral, a modo dunha fachada activa de dobre pel, o que lle permitirá ter un comportamento variable segundo as distintas estacións do ano.
Será o primeiro consistorio ecoeficiente de Galicia.
A actuación contribuirá tamén a resolver as carencias de espazo para o persoal, a través da remodelación do primeiro e segundo andar, e máis a planta semisoto. O proxecto conta cun prazo de execución de dez meses.