O presidente de ENCE xa é persoa ‘non grata’ en Pontevedra

PONTEVEDRA> O presidente de ENCE xa é persoa non grata en Pontevedra. Así o decidiu a corporación no pleno desta mañá, cos votos dos edís do goberno de BNG e PSOE e a oposición dos populares e do concelleiro non adscrito Goyo Revenga. A moción aprobada condenaba tamén a violencia de ENCE polo escrache contra o goberno local do pasado 11 de marzo.

O escrache violento do pasado 11 de marzo valeulle ao presidente de ENCE a declaración de persoa non grata en Pontevedra. BNG e PSOE acusan a Ignacio de Colmenares de instigar a bautizada como ‘Enceborroka’.

Nacionalistas e socialistas responsabilizan tamén dos actos violentos ao Partido Popular e, en concreto, ao seu voceiro en Pontevedra. Rafa Domínguez amosara o seu apoio aos traballadores de ENCE durante o seu peche na alcaldía.

Os votos de BNG e PSOE foron suficientes para sacar adiante a proposta. Pola súa banda, o Partido Popular e o concelleiro non adscrito opuxéronse á medida.

Os concelleiros do goberno tamén votaron a favor da constitución dunha mesa de traballo para dialogar entre administracións, empresas e traballadores. A proposta dos socialistas pasa por manter o emprego de ENCE na comarca pero buscando una alternativa á súa permanencia en Lourizán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí