PONTEVEDRA> As familias da zona da Seca, en Pontevedra, reclaman un parque mellorado e seguro nos antigos terreos de Tafisa. Denuncian que o actual está nun estado de abandono, ademais de ser insuficiente para a demanda dunha zona da cidade que está en pleno crecemento. A día de hoxe xa reuniron máis de 300 sinaturas que levarán esta semana ao concello.
Rodeado por toda esta maleza e practicamente oculto á vista da rúa José Malvar atópase o parque infantil dos antigos terreos de Tafisa.
A comezos deste ano, o concello de Pontevedra reparaba algúns problemas nos xogos que supoñían un perigo para as decenas de nenos que os usan a diario. As familias xa denunciaran estas carencias en maio do 2020.
As reparacións parchearon os problemas, pero para nais e pais o parque segue a estar lonxe de ser un espazo seguro.
Non hai luz no inverno, non hai sombra no verán, e os xogos que hai na actualidade son insuficientes para cubrir a demanda dunha das zonas da cidade que está en pleno crecemento.
O que comezou como unha conversa no parque, rematou por converterse nunha recollida de sinaturas. Xa teñen máis de 300 que apoian a súa reclamación dunha reforma integral para este parque de Tafisa.
As familias levarán este venres as sinaturas recollidas ao concello. Agardan que se escoiten as súas reclamacións e conseguir un espazo digno e, sobre todo, seguro, para os seus fillos e fillas.