Normalidade con pequenas ‘deficiencias’ na estrea dos módulos provisionais do IES Valle Inclán

PONTEVEDRA> Hoxe comezaron a funcionar os módulos provisionais instalados no IES Valle Inclán de Pontevedra. Máis de 200 alumnos de primeiro e segundo de bacharelato recibirán as clases nestas aulas provisionais. Unha solución que permitirá acomete-la reforma integral do centro, sen afectar á actividade docente. A actividade nestas casetas manterase ata finais de curso, coa previsión de retiralas para as festas da Peregrina do ano que vén.

Malia que o curso hai xa semanas que comezou, hoxe foi día de novidades no instituto Valle Inclán de Pontevedra. Dende esta mañá entraron en funcionamento os once módulos provisionais instalados no paseo de Montero Ríos. Neles vai estuda-lo alumnado de primeiro e segundo de bacharelato no tempo que duren os traballos de rehabilitación integral deste centro.

O inicio da actividade nas casetas desenvolveu sen incidencias, pero esta primeira xornada serviu para detecar xa as primeiras deficiencias. A máis evidente: conseguir que dende a rúa non se vexa o interior das aulas.

Ademais diso, hoxe tamén houbo algún problema de conectividade coa Amtega. Tamén quedan outras melloras pendentes que se irán materializando en breve, como cubrir un espazo de case 200 metros cadrados para as clases de educación física.

Dende Educación lembran que esta é unha medida provisional no tempo que dure a rehabilitación do histórico instituto. Unha das actuacións, din, máis ambiciosas da Consellería.

E avanzou que antes de que remate outubro vaise reuni-la comisión de seguimentos das obras, para valora-los traballos e as solucións temporais postas en marcha. A previsión é que estas casetas queden aquí instaladas ata finais de xuño e que en ningún dos casos van afectar ás Festas da Peregrina do 2024.