Traballadores de ENCE volven concentrarse diante da Deputación en defensa dos seus empregos

PONTEVEDRA> Mentres ENCE celebraba a súa xunta de accionistas,  representantes dos traballadores da pasteira e das empresas auxiliares concentrábanse ás portas da Deputación de Pontevedra. De xeito pacífico aseguraron que, polo de momento, dan unha marxe de confianza á ministra de transición ecolóxica, que a semana pasada lles asegurou que o artigo 18 da Lei do Cambio Climático non afectará á pasteira.

Equipados con bucinas e pancartars, preto dun centenar de traballadores de ENCE e das empresas auxiliares concentráronse este mediodía ás portas da Deputación de Pontevedra.

Manteñen as súas reclamacións pero, polo de momento, dan marxe á confianza nas palabras da ministra de Transición Ecolóxica. Na reunión que mantiveron a semana pasada, Teresa Ribera aseguroulles que o polémico artigo 18 da Lei do Cambio Climático non afectará a ENCE. Ribera propúxolles tamén á creación dunha mesa de traballo para a que aínda non hai data.

O que si sería determinante para a continuidade ou non de ENCE en Lourizán é a decisión da Audiencia Nacional. Ten que pronunciarse sobre a legalidade da prórroga da concesión que lle outorgou o goberno en funcións de Mariano Rajoy ata o 2073.

A protesta transcorreu de xeito pacífico. Iso si, un importante despregue de axentes da Policía Nacional vixiaba a contorna do Pazo Provincial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí