Unanimidade en Pontevedra para reclamar ao Goberno que abandone o proxecto da A57

PONTEVEDRA> Unanimidade no pleno de Pontevedra no rexeitamento da A57. Os tres partidos da corporación aprobaron de xeito conxunto unha moción do Partido Popular, emendada por PSOE e BNG, para instar ao Goberno do Estado a que non siga adiante coas dúas fases que aínda quedan do proxecto. Consideran que se trata dunha infraestrutura demasiado lesiva para o territorio que atravesa, como levan anos denunciando os veciños afectados.

Pontevedra pecha filas en contra da A-57. Partido Popular, BNG e PSOE aprobaron hoxe por unanimidade instar ao Goberno do Estado a que non siga adiante coas fases pendentes do proxecto.

O Partido Popular foi o primeiro en levar a cuestión o pleno. Fíxoo cunha moción na que, ademais de reclamar que a A-57 non se leve adiante, solicitan a unión do treito xa executado co Polígono do Campiño e a gratuidade da AP9.

O Partido Socialista presentou unha emenda a esta moción. O texto reclamará a Madrid que os cartos se destinen a executar a autovía cara o sur da provincia, entre Vilaboa e O Confurco, para unir Pontevedra con Ourense, A Meseta e Portugal sen peaxes. Iván Puentes recordou que o trazado da A57 foi deseñado por un goberno de Mariano Rajoy.

A última emenda á moción levou a sinatura do BNG, que propón solicitar á Xunta a mellora do trazado e o aumento da capacidade da estrada autonómica PO-224 entre Ponte Bora e San Antoniño, no concello de Barro. Mellorando a mobilidade entre o norte e o leste de Pontevedra.