Cando reabrirán os pubs e discotecas?

PONTEVEDRA> Incerteza entre os locais de ocio nocturno. Tal e como anunciou o presidente do Goberno, serán as comunidades autónomas as que xestionen a última fase da desescalada. E, polo tanto, será a Xunta de Galicia a que decida cando poden volver a abrir os pubs e discotecas. Unha decisión que ten en vilo a centos de empresarios.

Os locais de ocio nocturno levan tres meses así, coas portas pechadas. Tres meses complicados nos que tiveron que facer fronte ás facturas sen percibir ningún ingreso.

Estes pubs esperaban que chegase a fase 3 para volver a abrir as súas portas, tal e como se aseguraba no plan de desescalada. Sen embargo, o Goberno rectificou e anunciou que estes locais deberían esperar á nova normalidade. Unha decisión que volveu a poñerse en dúbida este domingo, cando Pedro Sánchez anunciou que serán as comunidades autónomas as que xestionen a última etapa do estado de alarma. Polo tanto, será a Xunta de Galicia a que decida se todos estes locais volven a encher de vida as noites galegas.

O sector critica o abandono que están a sufrir por parte das distintas administracións e aseguran que non poderán abrir se o aforo queda reducido ao 30%.

Os propietarios destes locais son conscientes de que estas imaxes non se repetirán, polo menos, nun futuro próximo e por iso buscan novas alternativas de cara a súa reapertura. Instalar barras no exterior dos locais ou organizar festas privadas son algunhas das súas propostas.

O único que está claro de cara á reapertura é que as pistas de baile non volverán a ser o que foron e que todos os locais deberán tomar estritas medidas de hixiene para garantir a seguridade dos clientes e dos traballadores. Agora, o que queda aínda por saber é cando volverán a vibrar de novo as discotecas e os pubs da cidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí