A delincuencia baixou un 6% en Pontevedra respecto do ano 2024

PONTEVEDRA> A delincuencia baixou na cidade de Pontevedra no que levamos de 2025 respecto do mesmo período do ano pasado. Así o asegurou hoxe o subdelegado do goberno despois da celebración da xunta local de seguridade. Segundo Abel Losada, o índice de delincuencia se reduciu en algo máis dun 6%. Asegurou que Pontevedra é unha cidade segura e acusou ao Partido Popular de empregar argumentos que fomentan o odio ás persoas que viven na rúa.

Os delitos reducíronse en Pontevedra algo máis dun 6% no que levamos de 2025 respecto do ano anterior. Son datos que hoxe presentou o subdelegado do Goberno na xunta local de seguridade que se celebrou no concello.

Segundo Abel Losada, neste 2025 non houbo roubos con violencia en vivendas, mentres que no 2024 foron 3. En canto aos roubos con violencia e intimidación fóra das vivendas, pasouse de 16 o ano pasado a 6 no actual. Tamén se reduciron os roubos con forza, que pasaron de 15 a 12, e os roubos con forza en establecementos, que baixaron dos 33 aos 11. Os furtos evolucionaron dos 52 rexistrados o pasado ano a 23 neste 2025. As substracións en vehículos, de 27 a 15 e a substración de vehículos, de 10 a 5. Por último, os furtos leves de 277 a 242.

Pola súa banda, o alcalde amosouse satisfeito cos estes datos. E coincidiu co subdelegado ao sinalar que veñen refrendar que Pontevedra é unha cidade segura.

Tamén coincidiron Losada e Fernández Lores á hora de sinalar a necesidade de trasladar a actual comisaría da Policía Nacional da rúa Joaquín Costa. Segundo o subdelegado, a proposta que está sobre a mesa é o seu traslado ás instalacións da Casa do Mar pero recoñeceu que as xestións avanzan lentamente.