BARRO> A praza de San Amaro de Barro volverá ter prioridade peonil. A Deputación de Pontevedra e o concello presentaron un proxecto para humanizar unha zona que na actualidade está practicamente invadida polo tráfico rodado. Terá un custo de 300 mil euros e a previsión é que as obras comecen despois do verán.
Unha das grandes demandas dos veciños da Portela en Barro será escoitada. Dende hai anos, os habitantes da zona reclamaban maior seguridade para os peóns na praza de San Amaro. Un problema que será solucionado co novo proxecto da Deputación de Pontevedra e o concello para humanizar a praza.
Con este proxecto, os peóns recuperarán o espazo roubado polos vehículos.
A actuación permitirá que os veciños recuperen a Praza de San Amaro. As prazas de estacionamento serán substituídas por unha zona de lecer con materiais urbanos e árbores.
Pola zona tamén transcorre o camiño de Santiago, pasando por el máis de 70 mil persoas ao ano. A actuación permitirá mellorar a súa seguridade limitando o tránsito dos vehículos.
A humanización desta praza beneficiará ao comercio e a hostalería, xa que tamén será unha zona de descanso para os visitantes. Terá un custo de 300 mil euros e a previsión é que as obras comecen despois do verán cun prazo de execución de 6 meses.