PONTEVEDRA> Pontevedra aproba os orzamentos municipais para este 2026. Seguindo o previsto, BNG e PSOE votaron a favor no pleno extraordinario celebrado esta mañá dunhas contas que acadan os 103 millóns de euros. Aseguran que nacen do diálogo e do acordo entre ambas formacións para atender as demandas da cidadanía. O PP, pola súa banda, presentou unha emenda á totalidade que foi rexeitada. Insiste en que son uns orzamentos malos para Pontevedra que non miran cara o futuro. Os seus concelleiros votaron en contra.
Catorce votos a favor das filas de BNG e PSOE sacaron adiante os novos orzamentos de Pontevedra para este 2026. Unhas contas que acadan os 103,6 millóns de euros, os maiores da historia da cidade.
González agradeceu o voto a favor do PSOE e a súa actitude dialogante. Un entendemento que tamén puxo en valor o líder socialista. Iván Puentes cifrou en 10 millóns de euros as propostas da súa formación que se inclúen nos orzamentos e criticou a postura do Partido Popular.
Pola súa banda, o PP mantivo a súa oposición aos orzamentos, sobre os que presentou unha emenda á totalidade. Para Rafa Domínguez son unhas contas continuístas, que non atenden as necesidades da cidade.
A pesares das posturas encontradas, no tramo final da sesión plenaria Raimundo González quixo buscar un acordo co PP. A proposta: sumar 1,5 millóns de euros ao orzamento nas partidas que, segundo os populares, se reducen nas contas deste ano.
Finalmente, BNG e PSOE rexeitaron a emenda á totalidade presentada polo Partido Popular. Ao tempo, os seus votos a favor permitiron aprobar os orzamentos para este ano.











