Arquivada a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina

BARRO> Breve e contundente. Así é o auto co que a xustiza arquiva a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina municipal. O xuíz considera que o proxecto levouse a cabo sen ningún tipo de irregularidade.

No auto indícase que os informes técnicos nos que se apoiarían os populares non son máis que “apreciacións persoais”. Di que a credibilidade dese enxeñeiro é “nula” e indica, ademais que “incorre en groseiras afirmacións que atentan contra a lóxica máis elemental”. Conclúe o maxistrado dicindo que “sen dúbida algunha” non hai caso. Algo, di o alcalde, que sabía a inmensa maioría dos veciños.

O alcalde entende que a denuncia presentada polo PP,  ás portas das eleccións municipais de 2019, é o epílogo de José Antonio Landín, quen despois de gobernar durante 32 anos non aceptou pasar á oposición. Lamenta que basearan a súa denuncia en probas falsas e datos distorsionados.