A nova depuradora de Barro levará o saneamento a todas as parroquias do municipio

BARRO> O saneamento chegará a todas as parroquias do concello de Barro. Goberno local e Xunta de Galicia asinaron hoxe o convenio que fará realidade a nova depuradora central do Carballal, unha instalación considerada como un reto estratéxico para o municipio. A infraestrutura terá un custo de 3,67 millóns de euros, dos que o concello achegará o 20%. A intención é que as obras comecen este mesmo ano.

Acordo entre o concello de Barro e a Xunta de Galicia para construír unha nova depuradora para o municipio. Hoxe o alcalde e a Conselleira de Medio Ambiente asinaron un convenio para levar adiante a infraestrutura, orzamentada en 3,7 millóns de euros. Augas de Galicia achegará o 80% do orzamento necesario. O 20% restante procederá das arcas municipais.

Hai xa dez anos que o goberno local impulsa a construción da nova EDAR. A instalación situarase no Carballal e absorberá as dúas depuradores existentes de Santo Antoniño e da Portela. Permitirá ampliar o saneamento a todas as parroquias do concello.

A intención é que a infraestrutura estea rematada no segundo semestre do vindeiro ano. Dará servizo a unha poboación equivalente de máis de 2.600 habitantes con horizonte no ano 2044. Un proxecto considerado estratéxico polo goberno municipal.

O próximo paso será sacar a licitación as obras de construción. A intención é pechala nos vindeiros meses para que os traballos poidan comezar este mesmo ano.