A reordenación interior da lámina de auga do peirao ribeirense estará lista para finais de ano

RIBEIRA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, achegouse esta mañá a Ribeira para ver in situ o desenvolvemento das obras de reordenación interior da lámina de auga do peirao. Segundo ela as melloras incluídas nesta actuación, cun investimento que supera o 1’2 millóns de euros, permitirán poñer a disposición do sector un total de 90 prazas de amarre.

Acompañada da presidenta de Portos, Susana Lenguas, o alcalde, Manuel Ruíz, e o patrón maior, José Antonio Pérez, a titular de Mar, comprobou a boa marcha dos traballos que teñen coma finalidade a reordenación interior da lámina de auga do peirao. A actuación, cun orzamento de 1’2 millóns de euros, inclúe a ampliación dos pantaláns de descarga para buques pesqueiros, dos das embarcacións auxiliares de acuicultura  e das náutico-recreativas. o traslado do dique flotante e a instalación dun pantalán para as embarcacións institucionais. A ampliación das prazas de amarre, levará aparellado tamén a mellora dos servizos de auga e iluminación, e instalarase un novidoso sistema de control de accesos ós pantaláns.

O alcalde agradeceu o investimento da Xunta, que así dá resposta a unha vella demanda do sector do mar.

Esta actuación, xunto coa que se executa actualmente nas Carolinas, que busca tamén a reordenación da zona, supón un investimento de Mar por riba dos dous millóns de euros.