RIBEIRA> O BNG de Ribeira demanda o mantemento e a limpeza na totalidade dos peiraos con que conta o municipio. Os nacionalistas instan a Portos de Galicia a manter en boas condicións as instalacións.
Non é nada novo. Ó longo dos últimos anos foron diversas as iniciativas presentadas polos nacionalistas para demandarlle a Portos de Galicia actuacións e maior investimento nos peiraos de Corrubedo, Palmeira, Aguiño e Ribeira.
Para o BNG non fai falla máis que dar unha volta polas instalacións e terreos portuarios do municipio para darse conta dos problemas que se dan en todos eles. Falla de alumeado, varandas de seguridade en mal estado e sobre todo, moito lixo, que na maioría das veces acaba no mar. Ante esta situación os nacionalistas veñen de rexistrar unha iniciativa plenaria para instar a Portos a manter en boas condicións as instalacións, tanto portuarias como as que non o son, das que é titular no Concello, axilizando tamén ó máximo a execución das demandas que se fan desde o propio sector pesqueiro.
Dende o BNG anuncian tamén que porán a situación en coñecemento do seu grupo parlamentario para trasladar as demandas e as necesidades do sector ó Parlamento de Galicia.