Os tres concelleiros díscolos do PSOE dinamitan a cuestión de confianza do alcalde de Catoira

CATOIRA> Catoira viviu hoxe unha nova xornada política de alta voltaxe. O alcalde de Catoira non conseguiu supera-la cuestión de confianza á que se someteu esta mañá, co obxectivo de sacar adiante as contas do 2021. Tres concelleiros do seu propio grupo e os tres do BNG votaron en contra. Segundo defenden os díscolos fixérono co apoio da propia executiva provincial do partido. Agora, ábrese un prazo dun mes para presentar unha moción de censura. O alcalde fala de ‘traizón’ e avanza que vai expulsar a estes edís do seu grupo.

Catoira vive un novo episodio da treboada política na que está inmersa dende as eleccións de 2019. O alcalde non conseguiu hoxe supera-la cuestión de confianza á que recorreu para tentar aproba-los orzamentos de 2021. Tres dos concelleiros do seu propio grupo votaron en contra. Asegura que os orzamentos foron a pinga que rebordou o vaso. Din que sempre tiveron as mans atadas.

Pero o alcalde di sentirse traizoado polos seu propio equipo. O veterano rexedor insiste en que non pensa marchar. Non entende por qué o partido non chamou á orde aos tres concelleiros tránsfugas. Di que pedirá explicacións e pon o foco en varios membros do PSdeG dos que, polo de agora, non dá nomes.

Pero segundo os díscolos, na executiva provincial do partido sabían e apoiaban a operación contra García. Agora, ábrese un prazo dun mes para presentar unha moción de censura. Algo que nin os díscolos do PSOE nin o BNG descartan. Un posible acordo que tampouco descarta o propio alcalde.

Quen si pecha filas entorno a Alberto García é o PP. O seu voceiro defende as contas municipais e carga contra os que el denomina ‘concelleiros disidentes’.

Se no prazo dun mes non se presenta ningunha moción de censura, Alberto García continuará co bastón de mando nas súas mans e cos orzamentos de 2021 aprobados. O alcalde di que agardará ese prazo tamén para tomar medidas contra os tres concelleiros que, avanza, vai expulsar do seu grupo municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí